Saturday 11 de May de 2024

Clodio González Pérez presenta este venres o libro “O Concello de Lousame: patrimonio histórico, artístico e etnográfico”


Estará acompañado pola alcaldesa Teresa Villaverde e polo escritor Xerardo Agrafoxo este venres, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, a presentación do libro “O Concello de Lousame: patrimonio histórico, artístico e etnográfico”, escrito polo historiador Clodio González Pérez e editado polo Concello de Lousame. Un acto aberto a toda a cidadanía de Lousame, que dispón do seu exemplar dado que durante o pasado mes de decembro fíxose un reparto porta a porta por todas as vivendas do municipio.

O autor estará acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen se encargou de prologar o libro, e polo escritor Xerardo Agrafoxo Pérez. “O Concello de Lousame: patrimonio histórico, artístico e etnográfico” é un achegamento aos aspectos máis importantes deste municipio. “Non pretendemos facer aquí unha relación exhaustiva de todo o patrimonio histórico, artístico e etnográfico de Lousame, pero si dar conta do máis senlleiro e daquelas construcións merecentes de se conservar, dende as eclesiásticas ata as populares”.